Suspirando
polo boca a boca,
sotto voce a paixón regresa.
Dende a melancolía
das sombras, serpeando,
florecen ecos dun amor
que respira clandestinidade,
inventando hipóteses
para roubar a túa respiración de trigo.
En ton coloquial, naces dunha debilidade, coma quen pilla un catarro por andar descalzo de mañán sobre metáforas de orballo, asaltando aromas nas páxinas dunha quimera (todo me doía de tanto como che quería)...
...sería fantástico amor, ¡como non!, que, tal e como canta Serrat, non perdesen sempre os mesmos, que ti te deixases convencer e que foses como eu te imaxino...
... as túas mans entre as miñas mans, conxugando o verbo amar...
...carteiro en bicicleta, leva recados de amor...